Friday 29 de March de 2024

Os alevíns do balonmán abegondés conquistan as competicións galegas en Lalín


• Os conxuntos Abegondo Todo Deporte e Gas Abegondo, no máis alto das súas respectivas ligas ao gañar todos os partidos da fin de semana.

Os alevíns do balonmán abegondés conquistaron esta fin de semana en Lalín as respectivas finais de ligas galegas que xogaron esta fin de semana, proclamándose así campións e campións de Galicia.

O Abegondo Todo Deporte, integrado por Matías, Xabi, Diego, Rodri, Saúl, Adri, Anxo, Antón, Anxo e Abel, gañou a semifinal ao Ribeiro (34-21), para posteriormente facer o propio na final contra o Culleredo (34-31) e proclamarse campión da liga Hummel.

Pola súa banda, o Gas Abegondo superou os enfrontamentos contra o Choqueiras (26-14) en semifinais e o Xiria (28-17) na final, obtendo un traballado campionato Liga Viaxes Interrías. Este equipo compóñeno Aroa, Marta, Daniella, Antón, Yago, Haizea, Sara, Martín e André.

A súa adestradora, Lida Rodriles, e a súa segunda adestradora, Natalia Solís, mostraron a súa “satisfacción” polos logros obtidos, “froito de moito esforzo e sacrificio durante toda a tempada”. “O importante moitas veces non é gañar, senón como o fas, e estas mozas e mozos son un grupo marabilloso co que, estamos seguras, continuaremos gozando”, dixeron as súas adestradoras.

Desde o Concello de Abegondo quixeron felicitar tanto ao corpo técnico como a todas as nenas e nenos, polos resultados e por levar o nome de Abegondo alá por onde van. “É un absoluto orgullo”, sinalaron.